AS FESTAS DE SAN ROQUE

A orixe destas festas parece estar nas epidemias de peste que padeceu a cidade a comezos do século XV e no culto que dende entón se establece por San Roque, o peregrín de Montpeiller, ao que a lenda atribúe a loita contra dito mal. Dende esa, os veciños de Betanzos ergueron na súa honra unha capela a extramuros da cidade, crearon unha confraría, nomeárono Patrono Tutelar e realizaronlle un voto en 1416 que parece marcar o inicio da tradición.

Segundo ese voto, no que se acordaba celebrar perpetuamente a súa festividade, a festa comezaba ca constitución do Concello de Betanzos en sesión pública o 24 de agosto de cada ano, xusto diante da capela de San Roque, e designaba de cada vez a dous veciños, un de clase nobre e outro das clases populares, que serían coñecidos como vicarios, e que terían o encargo de organizar a festa do ano seguinte. Esta tradición, duplicando o número de vicarios, mantívose ata a década dos anos trinta do século XIX, cando o Concello de Betanzos acordou costear as festas da cidade, que progresivamente ían ampliando os festexos con todo tipo de innovacións.

Entre as tradicións máis importantes destas festas, destacan dúas actividades que teñen a súa orixe no século XIX: o lanzamento dun globo de papel e a xira fluvial dos Caneiros.

O GLOBO

A orixe da tradición aerostática atópase nunha celebración realizada en 1814, concretamente o 29 de maio, con motivo da onomástica do rei Fernando VII, cando os betanceiros lanzaron ao ceo un globo de papel para conmemorar tal acontecemento. Este acto celebrouse no campo da feira, a actual praza dos Irmáns García Naveira, e contan as crónicas que tal lanzamento causou unha gran admiración no público que se congregou ese día. Este fito, bastante habitual nos festexos da época, repetiuse novamente en 1837 co lanzamento de dous aeróstatos para celebrar a redacción dun novo texto constitucional.

A primeira mención ao globo de papel ligado coas celebracións na honra de San Roque aparece en 1834. Ese ano o Concello de Betanzos gasta 78 reais en convidar a unha ponchada e a unha merenda a todos os rapaces que traballaran na elaboración dos globos. Ademais destos custes, o Arquivo Municipal de Betanzos conserva a relación de produtos mercados para tal fin, entre os que destacan os gastos en aceite, papel de estraza, estopa, brea, bramante, fariña ou as resmas de

papel. Eses globos elaborados polos veciños xa portaban barquiñas que desprendían fogos de artificio.

Os datos máis concretos comezan a aparecer na segunda metade da centuria. Por exemplo, consérvase no Arquivo Municipal de Betanzos un expediente no que se recolle unha factura de 1866 na que se lle pagan a Luís Abella «80 escudos por la construcción de dos globos aerostáticos». Estes dous globos serían lanzados, seguramente, a noite do 15 e do 16 de agosto, recoñecéndose na documentación como o globo pequeno e o globo grande. A contía amplíase en 1868 ao pagárselle

ao mesmo construtor 96 escudos pola elaboración de tres aeróstatos, lanzados neste caso e de menor a maior, nas noites do 14, 15 e 16 de agosto. Luís Abella será substituído por Antonio Pedreira, quen aparece na documentación como «echador de globos» nas festas de 1872, cobrando pola confección de tres globos de papel.

Existe logo un lapso de documentación ata que en 1875 hai constancia, por primeira vez, da aparición en escena de Claudino Pita Pandelo. Este mozo de 16 anos foi o encargado de manter a tradición, facendo modificacións no globo e encargándose da súa supervivencia. Malia ser funcionario de Correos, contaría cun obradoiro no antigo convento de San Domingos, onde elaboraría o artiluxio que presidía todas as festas.

OS CANEIROS

A orixe da outra gran tradición ligada ao calendario festivo do mes de agosto ten pouco que ver coa festa actual. A xira fluvial dos Caneiros comezou no outro río que atravesa a cidade, o Mendo, e tiña relación coa desaparecida capela de San Bernardo, no mosteiro das Cascas, onde existía unha celebración o día da súa festividade, o 20 de agosto. Coa apertura da estrada de Santiago e a desaparición desta capela, a festa trasladouse ao día 17 para o campo das Cascas, un terreo plantado con álamos na beira do río Mendo. O final da tradición do Mendo coincide coa inauguración,

en 1902, do Lavadoiro Gratuito das Cascas, ideado polos irmáns García Naveira. A primeira xira polo Mandeo da que se ten constancia aparece recollida no xornal ¡Ya somos tres!, un semanario joco-serio, no que no seu número do xoves 29 de agosto de 1889 publicaba unha extensa crónica asinada por Mala-Racha, alter ego do xornalista Adolfo Vázquez Gómez.

https://hemeroteca.betanzos.net/Ya%20Somos%20Tres/Ya%20somos%20tres%201889%2008%2029.pdf